Friday 17 de May de 2024

Galicia súmase ao Pacto sobre auga e cambio climático acordado no Cumio de París


A conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, Beatriz Mato, participou nesta conferencia de Paris como parte da delegación española

Galicia vén de sumarse ao primeiro Pacto sobre auga e cambio climático, acordado no Cumio do Clima de París. Así o manifestou hoxe a conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, Beatriz Mato, que participou nesta Conferencia como parte da delegación española.

Trátase da primeira vez que se subscribe un acordo destas características, que ten como obxectivo principal reivindicar o papel dos organismos de bacía na xestión sostible das políticas públicas de auga e de adaptación aos retos do cambio climático.

No encontro de París, púxose de manifesto que o cambio climático ten unha incidencia cada vez maior nas masas de auga doce e nos seus ecosistemas, especialmente no que se refire a eventos hidrolóxicos extremos, como secas ou inundacións. Con respecto a este último punto, Mato lembrou que o Goberno galego vén de aprobar recentemente un Plan de xestión de risco de inundacións para facer fronte a estes fenómenos naturais, unha folla de ruta dotada con preto de 68 millóns de euros ata 2021.

O Pacto pola auga subscrito por Galicia ten catro obxectivos clave: reforzar o coñecemento das bacías para aumentar a capacidade de decisión respecto ao cambio climático; adaptar a planificación e xestión da bacía ao cambio climático; reforzar a gobernanza dos organismos de bacía dirixidos a este aspecto; e garantir un adecuado financiamento.

Loita contra o cambio climático
Ademais da novidade que supón este Pacto sobre a auga, Mato resaltou outros obxectivos que se marca Galicia para facer fronte ao cambio climático, desde as competencias propias da comunidade autónoma. Entre outras a actuacións a adoptar, citou a necesidade de seguir promovendo unha mobilidade máis sustentable, un alumeado público de menor consumo ou edificios públicos máis eficientes en materia enerxética.

Na xornada de hoxe, Mato participou nunha reunión dos representantes do programa rexional sobre cambio climático da rede Iberoamericana. Neste encontro analizaronse diferentes iniciativas sobre cambio climático en América Latina e Caribe en colaboración con España.

Posteriormente, asistiu a un encontro con ONG,s, outras comunidades e axentes económicos onde se analizaron as negociacións que están a, manter os diferentes países neste cumio.

No cumio de París están a participar ao redor de 195 países, coa implicación dos seus principais mandatarios. O obxectivo deste cumio é pechar un acordo global rigoroso e a longo prazo sobre o cambio climático e, especialmente, fixar compromisos para reducir a emisión de gases de efecto invernadoiro que permitan frear o quentamento global.